miércoles, 29 de junio de 2016

TRABALLANDO VALORES DENDE O DEPORTE EN EDUCACIÓN FÍSICA.

A asignatura de Educación Física ofrece unha plataforma perfecta para traballar todos os aspectos incluídos no Plan Proxecta.

Se facemos un repaso dos obxectivos xerais de etapa para Educación Física na ESO e no Bacharelato, podemos ver cantos deles contribúen a este valor:
  • Participar, con independencia do nivel de habilidades alcanzado, en xogos e deportes (convencionais, recreativos e populares), colaborando coa organización de campionatos, valorando os aspectos de relacións que fomentan e mostrando actitudes de tolerancia e deportividade.
  • Participar en actividades deportivas (convencionais e recreativas), cooperando cos compañeiros e valorando os aspectos de relación que aquelas supoñen.
En todas as Unidades Didácticas formuladas dende o Departamento de Educación Física se traballa como obxectivo didáctico a colaboración, a aceptación do nivel de execución propio e dos compañeiros e o respecto ás diferentes formas de afrontar unha actividade. Un exemplo moi claro son os deportes colectivos, nos que o resultado final depende da suma dos traballos de todo o grupo.

Todo o mundo entende que a asignatura de Educación Física ten unhas características especiais que facilitan o traballo da autoestima persoal, o respecto, a tolerancia, etc. É a única asignatura na que se emprega o corpo en conxunto, para o seu desenrolo, e que emprega o movemento para completar a formación do alumno. A distribución de espazos, a formación de grupos de traballo, a atención ao nivel de execución do alumnado é primordial e permite detectar e corrixir actitudes pouco respectuosas cara aos compañeiros, ou de falta de autoestima persoal. Sempre se comenta que as persoas non poden esconder a súa forma de ser e as súas actitudes nun xogo.

É importante estar atento e corrixir calquera actitude que suxira que se deixa de lado a un compañeiro por ser muller, por non ser hábil ou polo seu aspecto físico.

As actividades extraescolares e complementarias organizadas polo Departamento de Educación Física son un bo momento para incidir neste traballo. As rutas de sendeirismo, a semana na neve, o surf, a patinaxe no xeo, a visita ás instalacións deportivas de pádel ou outros deportes son, xunto coas sesións de aula, un momento perfecto para promover actividades de cooperación e para valorar as actitudes de axuda aos compañeiros e de respecto por un mesmo e polos demais.

No hay comentarios:

Publicar un comentario