martes, 28 de junio de 2016

TRABALLANDO VALORES DESDE DINAMIZACIÓN LINGÜÍSTICA.

Dende o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística e dende as aulas de Lingua e Literatura Galegas, desenvolvéronse ao longo do presente curso académico distintas actividades que permitiron abordar contidos transversais. Dentro destes, tiveron especial relevancia os contidos de xénero, cun obxectivo claro: identificar estereotipos e desfacer prexuízos que provocan situacións de desigualdade.
Aínda que un bo número de propostas se aglutinaron ao redor do 25 de novembro e do 8 de marzo, as actividades sucedéronse ininterrompidamente e de maneira secuencial ao longo do curso, tal como ven de manifesto a relación que ven a seguir:

  • Iniciamos o curso coa divulgación das bases dos certames convocados polo Concello de Lalín e polo CIM de Burela.



  • Fomentouse a participación activa nos mesmos e nas aulas de 4º da ESO realizáronse tuits, microrrelatos e lemas que foron enviados a ambos os dous certames.
  • Achegouse información sobre o tema a partir dunha unidade didáctica contra a violencia de xénero que se realizara no centro no 2011.
  • Este curso elaborouse, asemade, unha unidade didáctica sobre o tratamento recibido pola muller no Refraneiro popular, e nas aulas de 1º de Bacharelato realizouse unha lectura e comentario de refráns co fin de evidenciar situacións de violencia física ou psicolóxica.
  • Divulgáronse as propostas realizadas polo Departamento de Orientación e Vicedirección, e nos grupos de 1º e 4º da ESO traballouse a exposición Cartas de Amor, a través do seu visionado e da unidade didáctica que nos facilitou a orientadora.
  • Divulgouse o XI Certame de narración curta do Concello de Curtis que nesta edición tiña como tema: "Supermulleres e Superheroínas". Participouse moi activamente no mesmo, enviando ao concurso uns 20 relatos seleccionados entre todos os realizados polo alumnado de 1º e 4º da ESO, e 1º de Bacharelato. Entre eles, descubrimos relatos moi bonitos que tiñan como protagonistas ás nais e ás avoas do alumnado.

  • O 8 de marzo realizouse un Especial Día da Muller Traballadora para o blog "Son de Noso":

  • Divulgouse a actividade "Memoria viva, palabras para o noso tempo", proposta polo Departamento de Orientación e fomentouse a participación activa entre o alumnado:
  • Outra data significativa foi o I Día do Audiovisual Galego do IES de Curtis, no que tiveron unha presenza destacada os contidos de xénero. Abordaban esta temática as seguintes proxeccións: "Conversa cunha muller morta", "A nena que tiña unha soa orella" e "1997", curtametraxe de Peque Varela na que unha rapaza, malia medrar con desprezos, consegue escapar do rol que a sociedade lle ten asignado. Proxectouse, ademais, "X nada", unha curtametraxe que mostra o resultado que pode ter nos adolescentes unha educación demasiado permisiva e sen un establecemento claro de normas. Os alumnos e alumnas de 3º de ESO tiveron un encontro coa realizadora e directora Marta Piñeiro no que asistiron á proxección (co posterior debate) de "Audiovisual e igualdade. Aprendendo a cambiar o conto". Posteriormente Marta realizou, para estes alumnos, un obradoiro de tres horas de duración destinado a ensinarlles a facer unha curta sobre esta temática. Os alumnos e alumnas de 2º de ESO asistiron a un obradoiro de guión impartido por Gero Costas con temática de xénero. Pero, ao longo do curso, realizamos moitas máis actividades que tiñan como obxectivo visibilizar o papel secundario que a sociedade lle atribuíu tradicionalmente ás mulleres e o deber de todos de cambialo. O blog (sondenoso) foi unha ferramenta útil para achegármonos ao alumnado e a través del ofrecémoslle distintos recursos.
  • Recensión crítica de curtametraxes que denuncian a violencia contra a muller.

  • Divulgación de lecturas que tentan mudar os roles establecidos: "Revista de fútbol feminino galego" e unha lectura imprescindible: "Masculino singular".
  •  Divulgación de campañas: "Eu respecto"; "Donas de si", traballo do ENDL do IES de Arzúa que convida á reflexión sobre os problemas de xénero; "Homes con saia", Fala Londres; "Non ao acoso", IES Marco de Camballón e Canto Ghalpón; o IES de Ponte Caldelas recolle sinaturas para que o ensino inclúa ás mulleres en todos os ámbitos de coñecemento.




  • Divulgación de novas relacionadas coa violencia de xénero.
  • Fomento da igualdade a través de concursos de cociña: Peperetadas e Máster Chef, Curtis.
  • Entrevistas a distintos especialistas de renome nas que, entre outras cuestións, se aborda o papel da muller nos espazos públicos: Antonio Mourelos (pregúntaselle polo papel da muller no mundo do audiovisual); Fina Casalderrey (abórdase nela a escasa presenza de mulleres escritoras na Real Academia Galega):

No hay comentarios:

Publicar un comentario