viernes, 23 de junio de 2017

DESPEDIDA DO CLUB DE LECTURA.

 
O club de lectura do IES do Camiño rematou as súas andanzas a principios do mes de xuño. A participación do alumnado foi bastante irregular, pero podemos facer unha valoración positiva en xeral, xa que se leron bastantes libros que aportaron coñecementos e valores moi positivos para todos.



Como actividade final, compartimos unha pequena degustación de doces con chocolate nunha confeitería de Palas de Rei.
Espero que todos e todas vos animedes a participar o próximo curso, xa que a lectura abre moitas mentes e moitos camiños na vida.



OBRADOIRO AFECTIVO-SEXUAL PARA 3º ESO.

O mércores 21 de xuño, dúas voluntarias da Cruz Vermella acudiron ao noso centro a impartir un obradoiro afectivo-sexual aos 17 alumnos de 3º da ESO. Durante toda a mañá, e a través de actividades interactivas e cooperativas, os alumnos e alumnas estiveron aprendendo aspectos importantes das relacións afectivas na súa idade, sempre desde o respecto e a tolerancia. Tamén se tocaron aspectos relativos á saúde sexual e á prevención de enfermidades por transmisión sexual.
A valoración dos alumnos e alumnas foi moi positiva, coincidindo todos en darse conta da cantidade de prexuízos que os adolescentes teñen sobre estas ideas.
Moitas grazas ás dúas voluntarias da Cruz Vermella.

VISITA DO ALUMNADO DE 6º E CHARLA COAS FAMILIAS.

O pasado 14 de xuño, ás 10:30, recibimos a visita dos 23 alumnos (máis dúas mestras e o orientador) que o vindeiro curso se van incorporar ao IES en 1º da ESO.
Recibímolos no salón de actos o xefe de estudos, o director e a orientadora; e despois o alumnado que este curso está en 1º guiounos polas distintas dependencias do centro para que se foran familiarizando con el: visitaron a biblioteca, o ximnasio, os laboratorios, as aulas especializadas, etc., facendo especial incidencia na aula que o curso próximo será na que pasen os nove meses de aprendizaxe e convivencia.
Logo aínda puideron desfrutar un rato do tempo de lecer cos seus futuros compañeiros e compañeiras.
Para finalizar a xornada, novamente no salón de actos, reunimos ao alumnado de 1º de ESO cos de 6º para responder ás dúbidas destes últimos; e a coordinadora de convivencia, o director e a orientadora explicámoslles o programa TEI a estes novos alumnos que o curso próximo serán os titorandos e titorandas dos alumnos de 3º.  

Na mesma liña, o xoves 15, ás 11:00 invitamos ás familias destes nenos e nenas para darlles tamén a benvida ao centro e explicarlles un pouco, tanto as novidades da etapa e a importancia dos hábitos de estudo, como as normas de convivencia, horarios, etc. Tamén lles explicamos o programa TEI do cal os seus fillos e fillas serán partícipes o vindeiro curso. Aínda que hai pais e nais de nenos e nenas que están xa no instituto, a todos e todas venlles ben lembrar que este centro é un lugar libre de violencia e machismo, e co lema: "Tolerancia cero ante o acoso escolar". Neste sentido, fixemos moito fincapé na coordinación e colaboración entre a familia e a escola.
 
 BENVIDOS E BENVIDAS AO IES DO CAMIÑO!

jueves, 8 de junio de 2017

O IES DO CAMIÑO POLA PAZ NO MUNDO.

Hoxe, ás 11:00 da mañá, tivemos unha concentración silenciosa na Praza Ulloa, diante do noso centro.
O motivo foi aportar o noso gran de area á consecución da Paz Mundial.

Con este acto pretendemos unirnos a todos os pobos do mundo que sofren a violencia, a barbarie, a intolerancia e o terror.

 Cando rematamos o minuto, fixemos unha solta de globos brancos que levaron a nosa mensaxe de paz polo ceo a todos os recunchos do noso planeta.





Moitas grazas ao noso alumnado polo respecto amosado en todo momento, e grazas tamén ao profesorado pola vosa colaboración.

Grazas!!! 
 
Elena, Laura e María. 

A VIOLENCIA NUNCA É UNHA SOLUCIÓN