martes, 31 de mayo de 2016

CONVOCATORIA PREMIOS EXTRAORDINARIOS DE BACHARELATO.

Adxunto o enlace para consultar a Orde do 11 de abril de 2016 pola que se convocan os premios extraordinarios de Bacharelato para o alumnado que finalizou os seus estudos de Bacharelato no curso 2015-2016 nun centro docente de Galicia. A media académica para poder optar a estes premios (20 en total para toda Galicia) é igual ou superior a 8,75.

lunes, 30 de mayo de 2016

COACHING EDUCATIVO PARA O PROFESORADO

Ao longo deste trimestre, un grupo de profesores do IES estivemos facendo un curso de formación sobre "Coaching educativo para profesorado". Esta actividade (o coaching) está moi de moda hoxe en día en todos os ámbitos laborais  e sociais (educativo, deportivo, persoal, empresarial, ejecutivo, para o liderado, etc.). O interese partíu da autoreflexión e da crítica construtiva que cada un de nós fixo da práctica docente, xa que non son só os alumnos e alumnas os que teñen que aprender e formarse académica e persoalmente. Os profesores e profesoras podemos tamén facer moito para que o clima da clase mellore e sexa apto para a aprendizaxe; non vale botarlle a culpar ao alumnado sen máis; a formación do profesorado, o traballo en equipo, a coordinación e colaboración coas familias e con servizos externos, o esforzo compartido,... son aspectos fundamentais para acadar unha educación de calidade.

O curso foi impartido por unha psicóloga experta nestes temas que pertence á empresa "Alicce" dedicada á formación para a mellora das relacións humanas.

O obxectivo da actividade formativa, que pensamos que foi acadado na maior parte dos participantes, era dotar ao profesorado de habilidades, ferramentas e estratexias de coaching que permitiran mellorar a función docente con motivación e efectividade, a través de:
  • mellorar as relacións interpersonais co alumnado;
  • aumentar a autocrenza nas capacidades e recursos docentes;
  • definir as competencias a traballar para mellorar os recursos;
  • e aprender e poñer en práctica as habilidades e competencias definidas no grupo-clase.
A metodoloxía foi fundamentalmente participativa, dinámica e vivencial, partindo das experiencias e coñecementos do profesorado.

En xeral, foron cinco sesións moi produtivas nas que aprendemos a coñecernos un poco máis a nós mesmos e aos demais, a traballar en equipo e a mellorar as nosas competencias persoais e profesionais, porque non cabe dúbida de que a personalidade e as actitudes dos docentes inflúen moito no ambiente da clase e no desenvolvemento do proceso de ensino-aprendizaxe.

Recomendamos esta actividade formativa ao profesorado que estea interesado en mellorar a calidade do ensino.


martes, 24 de mayo de 2016

VISITA AO IES ENRIQUE MURUAIS DE A PONTENOVA


Dentro das actividades previstas para este curso, está o intercambio co club de lectura do IES de A Pontenova. Eles xa viñeron a Curtis fai unhas semanas e agora nós devolvímoslles a visita. 

Onte, 23 de maio, saímos de Curtis sobre as 9:00 da mañá e as 10:30 xa estabamos en A Pontenova. Recibíronnos a coordinadora do club, Elena, e dúas profesoras que tamén participan na biblioteca, Mercedes e Ángeles.
A directora, Elba, deunos a benvida cunhas palabras moi cálidas e acolledoras, e logo dúas alumnas do IES fixeron unha presentación tanto do centro como do contorno no que está ubicado.
Unha das profesoras que traballa no IES é Sabela Núñez Singala, autora do libro "O agasallo de Anya", que este ano limos no club cos alumnos de 1º e 2º da ESO. 


Puidemos contar coa presenza de Sabela para que lles contara aos nosos alumnos moitas cousas sobre a historia do libro e, sobre todo, como se lle ocorrera escribila.


Máis tarde, asistimos a unha carreira de coches-globo organizada pola profesora de tecnoloxía, Loly, coches que logo levaron como agasallo os nosos rapaces e rapazas.


Para rematar, fixemos un percorrido polo pobo, atravesando o río Eo, para chegar á Casa da Cultura, onde unha guía estivo a explicarnos a historia dos fornos do pobo e puidemos visitar tamén o Museo da Pesca.

Logo deixamos tempo para que os rapaces e as rapazas poideran interactuar libremente e estreitar os lazos que comezaron a formarse en Curtis.

 Tivemos tempo para comer, xogar e falar antes de que as 16:15 un bus nos recollera para levarnos de volta a casa.

Foi un encontro moi agradable e esperamos poder repetilo en futuras ocasións. Con esta actividade reforzamos as competencias sociais e cívicas do nosos alumnos e as capacidades de relación interpersonal.



 MOITAS GRAZAS A TODOS E A TODAS!!!



viernes, 20 de mayo de 2016

CONVOCATORIA DE PROBAS LIBRES.

No DOG de onte, 19 de maio, a Consellería de Educación acaba de publicar a Orde pola que se convocan probas libres de títulos extinguidos da LOXSE (Lei Orgánica Xeral do Sistema Educativo, 1990).
Esta Orde ten por obxecto establecer en centros públicos a realización de dúas convocatorias de probas libres para a obtención de títulos de formación profesional LOXSE actualmente extinguidos, co fin de permitir finalizar os estudos e lograr a titulación, ao alumnado que cursase as ensinanzas dos devanditos títulos na Comunidade Autónoma de Galicia.
Podedes atopar toda a información no seguinte enlace do DOG:

viernes, 13 de mayo de 2016

PROBAS DE ACCESO Á UNIVERSIDADE 2016

No seguinte enlace pódese atopar toda a información relativa ás Probas de Acceso á Universidade que terán lugar os días 8, 9 e 10 de xuño, e tamén a información relativa ao acceso para o curso 2016-2017.


jueves, 12 de mayo de 2016

OBRADOIRO DE RESOLUCIÓN DE CONFLITOS.

Ao longo deste mes de maio, e durante catro sesións, estase levando a cabo un obradoiro de resolución de conflitos para o alumnado de 2º da ESO e de FP Básica.

 A psicóloga Susana Otero, de Alicce (Empresa de formación para a mellora das relacións humanas) é a encargada de traballar co alumnado ao longo de catro sesións repartidas en catro semanas.



 O obxectivo é dotar aos mozos e mozas de estratexias que lles permitan mellorar as súas relacións interpersoais e afrontar adecuadamente os conflitos da vida cotiá.


A metodoloxía é fundamentalmente participativa e interactiva, fomentando que todos e todas se relacionen, reflexionen sobre a súa forma de relacionarse e melloren en habilidades sociais que van ser fundamentais para ser cidadáns de pleno dereito o día de mañá. 

Cos dous grupos de FP Básica estanse a traballar, ademais, as habilidades e competencias para o emprego, xa que é unha etapa que en moitos casos é terminal para o alumnado, incorporándose ao mundo laboral, aínda que algúns tamén continuan estudos, normalmente nos ciclos formativos de grao medio.
Por este motivo, consideramos fundamental a formación en competencias sociais e cívicas, e en competencias para o emprego.

CHARLAS PARA NAIS E PAIS

O luns 25 de abril e o luns 9 de maio tivemos unhas charlas informativas para pais e nais do alumnado da ESO e de FP Básica.
Aínda que non houbo moita participación (ao redor dun 25%), temos que dicir que houbo pais e nais interesadas pero que non poideron asistir por motivos de traballo.

A psicológa Susana Otero, de Alicce (empresa dedicada á formación para a mellora das relacións humanas), encargouse de impartir estas dúas charlas nas que logrou involucrar aos pais e nais, conseguindo fomentar un debate aberto e a reflexión de todos.

O primeiro luns tratouse o tema, ás veces difícil e conflitivo, da comunicación cos fillos e fillas adolescentes e sobre como axudarlles a resolver conflitos e a xestionar eficazmente as emocións.


O segundo luns adicouse a tratar os beneficios e riscos dos adolescentes ante as novas tecnoloxías, dando unhas pautas para estar atentos e poder axudarlles a ser usuarios responsables destas tecnoloxías, sempre predicando co exemplo, xa que os adolescentes aprenden máis do que observan que do que escoitan.

A importancia da formación dos pais e nais, e a colaboración co centro educativo é fundamental para acadar o éxito escolar nos fillos e fillas.

 "Ser pai ou nai é a única profesión na que primeiro se outorga o título 
e logo se cursa a carreira".

martes, 3 de mayo de 2016

INTERCAMBIO CO CLUB DE LECTURA DO IES ENRIQUE MURUAIS



Despois de moito traballo e coordinación, as profesoras do Club de Lectura conseguimos organizar o intercambio co Club de Lectura do IES Enrique Muruais de A Pontenova.


 Onte por fin viñeron un grupo de alumnos e profesoras deste IES a pasar o día con nós.
Empezamos a xornada cun recibimento por parte do director; dúas alumnas veteranas do club, de 1º de Bacharelato, tamén fixeron unha pequena intervención, relatando a historia do club, que xa conta con 8 anos de andadura.


Logo fixemos dous grupos, porque eramos moitos para movernos todos xuntos. Un grupo quedou na biblioteca facendo intercambios e recomendacións lectoras, e o outro pasou a visitar as instalacións de Electromecánica de Vehículos, ciclo que se imparte no IES, e que representa outro xeito de aprender.



Na biblioteca os alumnos e alumnas dos dous IES fixeron unha primeira toma de contacto, aínda que algúns deles xa contactaran a través das redes sociais e o correo electrónico.
Tamén se agasallaron uns aos outros cun pequeno recordo en forma de libriño ou de ficha coas recomendacións lectoras.

 Xa que a maioría dos alumnos e alumnas eran de 1º e 2º da ESO, o alumnado de 3º do noso IES realizou funcións de guías, favorecendo e fomentando as intervencións.  



Sobre as 13:00 horas, desprazámonos á vila de Betanzos, onde fixemos un percorrido pola zona antiga. María, profesora de Lingua Castelá e coordinadora do Club, contounos algunhas curiosidades respecto a esta vila segundo iamos paseando polas rúas e logo pola beira do río Mendo. 
Así chegamos ao parque temático do "Pasatiempo", onde rematamos a xornada paseando, almorzando e visitando as covas.



Foi aquí onde o alumnado de ambos centros tivo unha maior oportunidade de interaccionar e coñecerse, a través do deporte, as afeccións comúns, os animais, etc.
Pasamos unha xornada estupenda, acompañados dun clima case veraniego.
Agora, os nosos alumnos e alumnas esperan con inquietude a visita que lles devolveremos acudindo nós a A Pontenova para gozar doutra xornada chea de ilusión, ledicia e ganas de compartir e aprender.
Moitas grazas a todos, ao alumnado dos dous IES polo seu comportamento e actitude, e ás profesoras de ambos centros pola boa xestión e organización da actividade.

OBRADOIRO SOBRE AUDIOVISUAL E IGUALDADE.

Dentro da I Xornada do Audiovisual Galego do IES de Curtis, programouse, para 3º da ESO, un obradoiro sobre "Adiovisual e Igualdade" a cargo de Marta Piñeiro, directora galega de cinema e de series de televisión como "Matalobos", "O Nordés", "Rías Baixas" e "Libro de Familia".

Grazas a Marta e grazas tamén a Olga, a profesora coordinadora do Equipo de Dinamización da Lingua Galega, que foi a encargada de organizar e planificar esta actividade.


CHARLA DE "ALCOHÓLICOS ANÓNIMOS".

O mércores 27 de abril visitáronnos tres voluntarios da "Asociación de Alcohólicos Anónimos" de A Coruña. Estas tres persoas aportaron as súas experiencias como enfermos alcohólicos, que resultaron bastante impactantes aos nosos alumnos e alumnas de Formación Profesional e tamén ao profesorado.



O máis sorprendente foi como nos explicaron que esta Asociación non ten ningún tipo de subvención e está formada só por enfermos que se axudan uns aos outros e que atenden o teléfono as 24 horas do día. 


O obxectivo desta actividade é traballar a educación para a saúde e a prevención de riscos derivados do consumo de bebidas alcóholicas.

Como sempre, pasamos un pequeno cuestionario aos grupos que asistiron á charla, que foron os alumnos de Formación Profesional de Grao Medio e os de Formación Profesional Básica.

Estes son os resultados do cuestionario, divididos por grupos de idade: maiores de idade e menores, xa que supusimos, como así foi, que as valoracións ían ser diferentes. As respostas están agrupadas, porque houbo moitas moi similares.

24 alumnos e alumnas maiores de idade:

1. Como valoras, de 0 a 10, a charla destas persoas? Por que?

      10 = 7 persoas.
        9 = 5 persoas.
        8 = 5 persoas.
        5 = 1 persoa.
        4 = 1 persoa.
  • Polo mal que o pasaron a pesar do mal que o pasaron. 
  • Foi moi interesante.
  • Nótase o moito que melloraron.
  • Polo valor que tiveron por contar as súas experiencias, por compartilas.
  • Porque ao ser dada por persoas con esa enfermidade, impón máis e axúdache a entendelo mellor.
  • A miña valoración máis negativa é porque non se repartiron ben o tempo para falar.
  • Deberían dar máis consellos sobre como non caer no alcoholismo.
  • É a súa vida e elixiron mal camiño.

2. Que opinas das experiencias polas que pasaron os tres voluntarios?
  • Moi instrutivas para as persoas que están empezando nas bebidas e nas drogas.
  • Parecéronme moi interesantes, xa que dixeron que comezaron a beber só cando saían de festa, cousa que facemos todos, e pensar que podemos acabar así é impresionante.
  • Parecéronme moi impresionantes as tres, polas vivencias pasadas.
  • Pois son tráxicas, aínda que con final "feliz".
  • Parecéronme moi impactantes; son experiencias moi duras, tanto para eles como para a súa familia.
  • Non me gustaría estar na súa situación.
  • Que lle pode pasar a calquera.
  • Fastidiadas e complicadas.
  • Que souberon recapacitar a tempo.
  • Que foron experiencias que os marcaron para a vida.

3. Cal foi a experiencia que che pareceu máis interesante? Por que?
  • A do terceiro voluntario, porque se lle vían realmente as secuelas causadas polo alcol.
  • A historia do paracaidista, do terceiro.
  • A 3ª, polas súas vivencias por ser alcóholico.
  • O que contou que recorría ao alcol para todo e probou todo tipo de drogas.
  • A historia da muller, xa que dalgunha maneira chegoume a súa empatía.
  • Que un deles preferiu o alcol e as drogas á súa muller.
  • O primeiro que falou, porque lle morreu o pai.
  • O primeiro, porque non é doado telo todo e acabar na rúa e perder á familia por culpa do alcol.
  • O primeiro, non me querería ver por todo o que el pasou.
  • Calquera das tres, polas súas experiencias familiares, que é a parte que máis sofre.
  • A dos tres, porque todos empezaron de pequenos.
  • Ningunha das tres, desas historias hai moitas.
4. Pensas que algunha persoa que ti coñeces podería estar necesitando axuda nestes momentos?

           Non = 13 persoas.
           Si = 8 persoas.
  • Máis dunha, e con historias peores.
  • Directamente non creo, pero basta con crer para que algún feito se faga realidade.
  • Creo que non.
  • Agora mesmo non.
  • Pero ten que saír deles, por moito que ti queira axudar, ten que saír deles.
  • Non, que eu saiba.

5. Cambiou en algo esta charla a tú perspectiva sobre o problema do alcol?

            Si = 10 persoas.
            Non = 7 persoas.
  • Si, que o alcol é unha droga legalizada.
  • Si, creo que isto axuda moito a concienciarse.
  • Si, porque vin mellor os seus efectos.
  • Seguramente si, aínda que non tiña claros os problemas que poden provocar estas bebidas.
  • Probablemente.
  • Pode que algo.
  • En nada, non bebo.
  • Non, porque máis ou menos xa o sabía.

6. Pensas que estas actividades están ben ou cres que están de sobra?
  • Están ben.
  • Parécenme moi ben.
  • Están xenial.
  • Están moi ben estas actividades.
  • Están completas e cun resultado excelente.
  • Creo que debería haber máis.
  • Sobre todo para algunha xente.
  • Sobran, non fan caso, os novos pensan que controlas, digas o que lles digas.

7. Se queres facer algún comentario ou suxestión, faino a continuación.
  • Que haxa máis charlas sobre este tema ou relacionado.
  • Están moi ben para concienciarnos sobre o problema do alcol.
  • Seguir facendo o traballo que está máis que ben feito.
  • Están ben, porque así coñeces o risco que corres.
  • Por moito que lle digades á xuventude, eles van pensar que a eles non lles vai pasar.

24 alumnos e alumnas menores de idade:

1. Como valoras, de 0 a 10, a charla destas persoas? Por que?

      10 = 6 persoas.
        9,5 = 1 persoa.
        8,75 = 1 persoa.
        6 = 1 persoa.
        5 = 3 persoas.
        3 = 3 persoas.
        2 = 1 persoa.
        0 = 1 persoa.
  • Porque me pareceu interesante. 
  • Estivo ben.
  • Non me gustou moito.
  • Falaron moito.
  • Tiña un vocabulario pouco axeitado.
  • Ríanse e non tomaban en serio as súas historia.
  • Non me gustou porque todo isto non é broma ningunha.
  • Estiveron ben, pero só falaron eles, non tiveron comunicación co público.
  • Moi boas.
  • Explicárono moi ben e foi entretida.
  • Porque está ben o que nos contaron, era interesante, só que o malo é que hai moita xente así.
  • Ben, por informar sobre o que pode causar o alcol.
  • Moi duras.
  • Non me gustou porque non facían máis que rirse cando contaban as historias e non deixaron facer preguntas.
2. Que opinas das experiencias polas que pasaron os tres voluntarios?
  • Son historias impactantes e bastantes duras.
  • Moi interesantes.
  • Moi malas experiencias.
  • Mal e incluso grave.
  • Fastidiadas, porque é complicado saír do alcoholismo.
  • Tristes. 
  • Ningunha delas foi boa.
  • Pois típicas, porque nestas idades (14-36) é algo que non solemos controlar, aínda que digamos que si.
  • Foron moi duras, pero souberon deixalo.
  • Que o pasaron moi mal por ser adictos ao alcol.
  • Asustan un pouco, pero son interesantes e aprenden polo que podes pasar nesta vida.
3. Cal foi a experiencia que che pareceu máis interesante? Por que?
  • A do primeiro, porque saíu do alcol e das drogas.
  • A do primeiro, porque recaeu moitas veces.
  • O primeiro e o último.
  • As dos tres.
  • O mellor foi que saíron do seu problema.
  • O primeiro porque chegou a estar en coma.
  • O primeiro, por caer nas drogas por culpa do alcol.
  • O primeiro foi o que peor o tivo que pasar.
  • A experiencia que máis me impresionou foi a da persoa que consumía coca para aguantar e poder seguir bebendo.
  • O primeiro, porque tiña unha filla e deixouna sen facerlle caso.
  • A do terceiro que falou, porque facía as cousas por facer, como se estivera "tolo".
  • A da muller, que foi lista por deixalo.
4. Pensas que algunha persoa que ti coñeces podería estar necesitando axuda nestes momentos?

           Non = 13 persoas.
           Si = 11 persoas.
  • Non, pero se coñecera a alguén, recomendaríalle este centro.
5. Cambiou en algo esta charla a tú perspectiva sobre o problema do alcol?

            Si = 8 persoas.
            Non = 13 persoas.
  • Non, porque eu xa tiña isto aprendido, e os problemas de alcol non te levan por bo camiño.
  • Hai que saber parar de beber e saber beber e, sobre todo, non abusar do alcol.
  • Eu teño unha perspectiva moi negativa do alcol.
  • Non teño problemas co alcol.
  • Aprendín algo máis, pero eu non identifico festa con alcol.
  • Porque o alcol é malo, e pode producir comas etílicos.
  • Non, porque eu xa sei os efectos.
  • Si e non.
  • Antes vía como algo normal que beberan moito para pasalo ben, agora vexo que é grave.

6. Pensas que estas actividades están ben ou cres que están de sobra?
  • Están ben.
  • Están bastante ben.
  • Está ben sempre saber novas historias sobre alcol e drogas. Unha pasada.
  • Pode haber persoas que poidan necesitar estas charlas para sentar a cabeza.
  • Hai xente que pode aprender con elas.
  • Se se fan con máis intervencións dos alumnos, si.
  • Parécenme interesantes.
  • Para perder clase.
  • Así temos coidado co alcol.
  • Están de sobra.

7. Se queres facer algún comentario ou suxestión, faino a continuación.
  • En xeral, gustoume.

MOITAS GRAZAS POLA TÚA COLABORACIÓN.

domingo, 1 de mayo de 2016

DÍA DO AUDIOVISUAL GALEGO.


Por primeira vez, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES de Curtis organizou e celebrou o pasado luns 25 de abril "A Primeira Xornada do Audiovisual Galego".
Tivemos unha xornada chea de actividades, charlas e obradoiros moi interesantes grazas á participación de profesionais do mundo do audiovisual que nos achegaron a súa experiencia e nos deixaron os seus traballos e reflexións.



Esperamos que esta iniciativa teña a súa continuidade ao longo dos vindeiros cursos académicos.


PLAN DIRECTOR DA GUARDIA CIVIL.

O martes 26 de abril e o xoves 28 tivemos as charlas pertencentes ao Plan Director da Guardia Civil. Estiveron dirixidas ao alumnado da ESO e de FP Básica coas seguintes temáticas:

 - Martes 26, de 10:45 a 11:35 para 1º ESO (A e B) sobre "Os riscos das redes sociais".

- Martes 26, de 11:35 a 12:25 para 2º ESO (A e B) sobre "Os riscos das redes sociais".

- Xoves 28, de de 10:45 a 11:35 para 3º ESO (A e B) sobre "Drogas e alcol".

- Xoves 28, de 11:35 a 12:25 para 4º ESO (A e B) sobre "Drogas e alcol".

- Xoves 28, de 12:45 a 13:35 para os dous grupos de 1º de FP Básica (Automoción e Administrativo), tamén sobre "Drogas e alcol".

 Impartiron as charlas dous profesionais da Guardia Civil (Fernando e Manuel) que conectaron moi ben cos nosos alumnos e alumnas, utilizando unha metodoloxía moi participativa para facer as sesións moito máis amenas.
Tanto unha temática como a outra tratan aspectos de gran interés para a xente nova que, ás veces por desinformación e outras por falta de prudencia, poden ter comportamentos e actitudes pouco responsables.
O noso agradecemento aos dous profesionais.