viernes, 23 de junio de 2017

DESPEDIDA DO CLUB DE LECTURA.

 
O club de lectura do IES do Camiño rematou as súas andanzas a principios do mes de xuño. A participación do alumnado foi bastante irregular, pero podemos facer unha valoración positiva en xeral, xa que se leron bastantes libros que aportaron coñecementos e valores moi positivos para todos.



Como actividade final, compartimos unha pequena degustación de doces con chocolate nunha confeitería de Palas de Rei.
Espero que todos e todas vos animedes a participar o próximo curso, xa que a lectura abre moitas mentes e moitos camiños na vida.



OBRADOIRO AFECTIVO-SEXUAL PARA 3º ESO.

O mércores 21 de xuño, dúas voluntarias da Cruz Vermella acudiron ao noso centro a impartir un obradoiro afectivo-sexual aos 17 alumnos de 3º da ESO. Durante toda a mañá, e a través de actividades interactivas e cooperativas, os alumnos e alumnas estiveron aprendendo aspectos importantes das relacións afectivas na súa idade, sempre desde o respecto e a tolerancia. Tamén se tocaron aspectos relativos á saúde sexual e á prevención de enfermidades por transmisión sexual.
A valoración dos alumnos e alumnas foi moi positiva, coincidindo todos en darse conta da cantidade de prexuízos que os adolescentes teñen sobre estas ideas.
Moitas grazas ás dúas voluntarias da Cruz Vermella.

VISITA DO ALUMNADO DE 6º E CHARLA COAS FAMILIAS.

O pasado 14 de xuño, ás 10:30, recibimos a visita dos 23 alumnos (máis dúas mestras e o orientador) que o vindeiro curso se van incorporar ao IES en 1º da ESO.
Recibímolos no salón de actos o xefe de estudos, o director e a orientadora; e despois o alumnado que este curso está en 1º guiounos polas distintas dependencias do centro para que se foran familiarizando con el: visitaron a biblioteca, o ximnasio, os laboratorios, as aulas especializadas, etc., facendo especial incidencia na aula que o curso próximo será na que pasen os nove meses de aprendizaxe e convivencia.
Logo aínda puideron desfrutar un rato do tempo de lecer cos seus futuros compañeiros e compañeiras.
Para finalizar a xornada, novamente no salón de actos, reunimos ao alumnado de 1º de ESO cos de 6º para responder ás dúbidas destes últimos; e a coordinadora de convivencia, o director e a orientadora explicámoslles o programa TEI a estes novos alumnos que o curso próximo serán os titorandos e titorandas dos alumnos de 3º.  

Na mesma liña, o xoves 15, ás 11:00 invitamos ás familias destes nenos e nenas para darlles tamén a benvida ao centro e explicarlles un pouco, tanto as novidades da etapa e a importancia dos hábitos de estudo, como as normas de convivencia, horarios, etc. Tamén lles explicamos o programa TEI do cal os seus fillos e fillas serán partícipes o vindeiro curso. Aínda que hai pais e nais de nenos e nenas que están xa no instituto, a todos e todas venlles ben lembrar que este centro é un lugar libre de violencia e machismo, e co lema: "Tolerancia cero ante o acoso escolar". Neste sentido, fixemos moito fincapé na coordinación e colaboración entre a familia e a escola.
 
 BENVIDOS E BENVIDAS AO IES DO CAMIÑO!

jueves, 8 de junio de 2017

O IES DO CAMIÑO POLA PAZ NO MUNDO.

Hoxe, ás 11:00 da mañá, tivemos unha concentración silenciosa na Praza Ulloa, diante do noso centro.
O motivo foi aportar o noso gran de area á consecución da Paz Mundial.

Con este acto pretendemos unirnos a todos os pobos do mundo que sofren a violencia, a barbarie, a intolerancia e o terror.

 Cando rematamos o minuto, fixemos unha solta de globos brancos que levaron a nosa mensaxe de paz polo ceo a todos os recunchos do noso planeta.





Moitas grazas ao noso alumnado polo respecto amosado en todo momento, e grazas tamén ao profesorado pola vosa colaboración.

Grazas!!! 
 
Elena, Laura e María. 

A VIOLENCIA NUNCA É UNHA SOLUCIÓN

martes, 2 de mayo de 2017

DÍA CONTRA O ACOSO ESCOLAR

Hoxe, 2 de maio, celebramos o día escolar contra o acoso escolar. Son moitas as actividades e intervencións que estivemos facendo ao longo do curso, e que seguimos facendo, para concienciar ao noso alumnado, ás familias e á comunidade educativa en xeral.
De todas elas quedaron constancia neste blog.
Déixovos este enlace dun vídeo que merece a pena ver e traballar na aula. Títulase "El sandwich de Mariana":

martes, 25 de abril de 2017

CHARLA PARA AS FAMILIAS

Onte, luns 24 de abril, tivemos a charla para as familias organizada dentro do Plan Director da Guardia Civil.

Ramón Peña, formador dentro deste Plan, foi o encargado de asesorar e informar ás familias sobre o perigo e os riscos da utilización das redes sociais polos nenos, facendo fincapé, tamén, nas vantaxes e utilidades que teñen.

 O importante non é prohibir, senón ensinar aos nosos fillos e fillas a facer un uso adecuado das mesmas, e sobre todo, predicar co exemplo.

Non houbo moitas familias asistentes, pero as que viñeron, puideron informarse e facer preguntas ao poñente.

Agora toca poñer en práctica todo o aprendido, tendo en conta que o labor educativo é un labor conxunto entre as familias, a escola e a sociedade en xeral.

viernes, 7 de abril de 2017

PROBAS CELGA

No DOG do 4 de abril sae publicada a Resolución pola que se convocan as probas para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis Celga 1, 2, 3 e 4. Esta convocatoria vai dirixida ás persoas maiores de 16 anos ou que os fagan no ano 2017, nacionais ou estranxeiras.
As probas realizaranse en Santiago de Compostela e en Ponferrada, nas seguintes datas, que se poderán mudar por razóns de forza maior ou para mellor administración das mesmas:
  • Celga 4: 10 de xuño de 2017.
  • Celga 2: 11 de xuño de 2017.
  • Celga 3: 17 de xuño de 2017.
  • Celga 1: 18 de xuño de 2017.
O prazo de presentación de solicitudes e documentación será dun mes contado a partir da publicación da Resolución no DOG .

No seguinte enlace pódese atopar información máis detallada:

viernes, 31 de marzo de 2017

PROBAS ESPECÍFICAS INEF GALICIA

A Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física da UDC acaba de convocar as probas de avaliación para a admisión a estes estudos para o curso 2017-2018.
O prazo de matrícula é:
- Do 6 ao 31 de marzo para a convocatoria de abril.
- Do 9 de maio ao 2 de xuño para a convocatoria de xuño. 

 

jueves, 30 de marzo de 2017

ACTIVIDADES DENTRO DO PROGRAMA TEI


Durante todo o curso estivemos realizando actividades dentro do Programa TEI para fomentar a convivencia e o coñecemento persoal entre o alumnado de 3º ESO (titores e titoras) e o alumnado de 1º ESO (titorandos).


Hoxe tocaba facer unha sesión de convivencia. Primeiro estivemos colocando polo centro os carteis que elaboraron estes alumnos e alumnas (e os alumnos de 2º ESO) en relación coa "tolerancia cero" ante calquer caso de acoso escolar.

 
A continuación realizamos no patio unha serie de xogos co paracaídas, co obxectivo de favorecer o contacto interpersoal e mellorar as relacións a través de actividades lúdicas.




AVALIACIÓN DE BACHARELATO PARA O ACCESO Á UNIVERSIDADE.

Este luns 27 de marzo saíu publicada no DOG a Resolución conxunta do 21 de febreiro de 2017, da Secretaría Xeral de Universidades e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para a realización, dentro do curso 2016/17, da avaliación de bacharelato para o acceso á universidad (ABAU) para o curso 2017/18. O enlace é o seguinte:


Tamén está publicada na páxina da CiUG o calendario ABAU 2017 e o acceso 2017-2018. Este é o enlace:

Esta avaliación realizarase exclusivamente para o alumnado que queira acceder a estudos universitarios.

miércoles, 22 de marzo de 2017

PREMIO AO FOMENTO DUNHA CONVIVENCIA PACÍFICA.

Como parte da celebración do día da Paz, convocamos no noso IES o "1º Premio ao fomento dunha convivencia pacífica" por iniciativa da profesora de Lingua Galega Inés Cabana, do cal fixemos entrega o venres 17 de marzo. O alumnado foi convocado a nomear algún compañeiro ou compañeira que destacara polas súas actitudes asertivas e colaborativas. 

A gañadora foi Cristina Pena Rivas, de 2º ESO, que tivo varios votos e que recibíu un diploma e un libro de narrativa galega; pero queremos destacar tamén que houbo moitos outros alumnos e alumnas nomeados, e sobre todo destacar os motivos polos que foron nomeados: a bondade, a comprensión, a solidariedade, a integración, a tolerancia, a amizade,...
No facebook do instituto tendes máis información:
https://es-es.facebook.com/Ies-do-caminho-510959729074919/ 



Queremos agradecer a participación do alumnado, xa que houbo máis dun 50% de alumnos que pasaron polo Departamento de Orientación a votar.

Esperamos que esta iniciativa continúe ao longo dos vindeiros anos, xa que favorece a reflexión do alumnado e as actitudes democráticas e cívicas.

miércoles, 8 de marzo de 2017

CELEBRANDO O DÍA DA MULLER NO IES DE PALAS.

 

Seguindo coas actividades programadas para este 8 de marzo, empezamos a mañá coa celebración dun obradoiro de igualdade e coeducación para o alumnado de 1º e 2º da ESO ás 8:30 e para 3º da ESO e FP Básica ás 9:20. O obradoiro foi impartido polo psicólogo do CIM de Palas de Rei, Daniel Gonzalo. Tratouse, sobre todo, a diferencia entre sexo e xénero, e o tratamento da muller na publicidade.


 Ademais tivemos a sorte de contar cunha unidade móbil da TVG para entrar en directo no programa "Bos días" desta cadea.

A continuación queda o enlace para ver o vídeo:

 http://www.crtvg.es/informativos/titulares-das-9-00h-2783432

 

Ás 13:00 horas, e organizado polo CIM do concello, o alumnado da ESO e de FP Básica acompañados polos profesores correspondentes, asistimos á Casa da Cultura para ver unha obra de teatro sobre a temática do día: a igualdade efectiva entre homes e mulleres.



 A obra titúlase: "Nos carreiros da emoción" e entre o grupo de actores e actrices pudimos disfrutar da actuación de profesores e alumnos do noso centro.

Noraboa a todos!! 





 






 

ACHEGAS PARA O DÍA DA MULLER.

Moitas son as achegas que hoxe, 8 de marzo, se fan desde os diferentes centros educativos galegos. Este é o enlace para o vídeo que gravaron o alumnado e o profesorado do IES Politécnico de Vigo. Merece a pena velo. Grazas por este traballo que visibiliza tanto a loita das mulleres e dos homes por acadar un mundo máis xusto e igualitario!!

lunes, 6 de marzo de 2017

8 DE MARZO, DÍA INTERNACIONAL DA MULLER.



O vindeiro mércores 8 de marzo celebraremos o Día Internacional da Muller. No noso centro temos organizadas varias actividades para celebrar esta data:
  • Por unha banda celebraremos uns obradoiros a cargo do psicólogo do CIM para 1º, 2º e 3º da ESO e FP Básica sobre a temática da coeducación.
  • Ademais temos previsto que o alumnado da ESO e FP Básica acudan a unha obra de teatro que se celebrará na Casa da Cultura.



Para reflexionar, deixo aquí este poema de Vitika Roy:


miércoles, 1 de marzo de 2017

PLATAFORMA KOKO

Continuando coa actividade que desenvolveron no noso IES as dúas psicólogas da plataforma Koko, o pasado mércores 22 de febreiro tivemos a proxección da película "Marginado" para o alumnado de 2º e 4º da ESO e de FP Básica, con posterior debate.

 
Pronto poderán empezar a utilizar a plataforma os nosos alumnos e alumnas, que esperamos que sexa unha boa ferramenta para a prevención do acoso escolar.


Novamente grazas a Rebeca e a Paula pola súa colaboración e dispoñibilidade.

martes, 14 de febrero de 2017

PLAN DIRECTOR DA GUARDIA CIVIL.

Hoxe tivemos no centro a Ramón Peña Pérez, formador da Guardia Civil de Lugo dentro do Plan Director para a convivencia e mellora da seguridade nos centros educativos e nos seus entornos.

Estivo traballando co alumnado de 2º ESO e FP Básica durante boa parte da mañá, tratando temas tan importantes como o acoso escolar e os riscos nas redes sociais.

Proximamente teremos tamén unha charla informativa para as familias.
 

PROBA PARA A OBTENCIÓN DO TÍTULO DE BACHARELATO.

No DOG do xoves 9 de febreiro publicouse a Resolución pola que se convoca a proba para a obtención do título de bacharel para maiores de 20 anos.

Condicións das persoas aspirantes:
  • Ser maior de 20 anos ou cumprir esa idade no ano 2017.
  • Non estar en posesión do título de bacharel ou de calquera outro título declarado equivalente para os efectos académicos.
  • Non estar a cursar ensinanzas de bacharelato en ningunha das súas modalidades ou réximes, nin ter estado matriculado nesas ensinanzas no curso escolar 2016/17.
As persoas aspirantes poderán matricularse dos dous exercicios que integran a proba ou dun deles.

Prazo de presentación de solicitudes será entre o 24 de febreiro e o 10 de marzo de 2017.

Para máis información, consultar o DOG no seguinte enlace:

PROBAS PARA A OBTENCIÓN DO TÍTULO DA ESO.

No DOG do pasado xoves 9 de febreiro, ven de publicarse a Resolución pola que se convocan as probas para a obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria para maiores de 18 anos.
Requisitos:
  • Ter feitos os 18 anos ou cumprilos o día anterior á data de realización da proba.
  • Non estaren en posesión deste título.
  • Non estaren nin teren estado matriculadas no curso 2016/17 nas ensinanzas de educación secundaria ordinaria nin nas de formación profesional básica.
Prazos de matrícula:
  • Convocatoria de xuño: do 13 ao 24 de marzo de 2017, ambos os dous incluídos.
  • Convocatoria de setembro: do 3 ao 10 de xullo de 2017, ambos os dous incluídos.
As persoas matriculadas para a primeira convocatoria, se non superan a totalidade dos ámbitos da proba, consideraranse matriculadas para a segunda convocatoria sen que teñan que presentar nova documentación.
 
Para máis información, consultar o DOG no seguinte enlace:
 

jueves, 2 de febrero de 2017

ACTIVIDADES DENTRO DO PROGRAMA A PONTE.

Dentro do Programa "A Ponte entre o ensino medio e a universidade", o pasado 23 de xaneiro tivemos no centro á profesora da Facultade de Veterinaria, Izaskun Ibarguren, que informou aos nosos alumnos e alumnas sobre a Universidade de Santiago de Compostela, sobre os estudos que alí se imparten e sobre as novidades nas probas de acceso.

Así mesmo, hoxe tivemos ao profesor da USC, Luis García Soto, da Facultade de Filosofía, que veu impartir unha charla temática que tivo por título: "Ética e sexualidade"; foi impartida para o noso alumnado de 1º e 2º de Bacharelato.


Aínda teremos outra charla para o próximo mes de marzo. E o martes iremos ao percorrido polos campus da USC.
O obxectivo de todas estas actividades é orientar ao futuro estudante universitario para que poidan elixir os estudos que máis se adapten ás súas preferencias.