martes, 14 de febrero de 2017

PLAN DIRECTOR DA GUARDIA CIVIL.

Hoxe tivemos no centro a Ramón Peña Pérez, formador da Guardia Civil de Lugo dentro do Plan Director para a convivencia e mellora da seguridade nos centros educativos e nos seus entornos.

Estivo traballando co alumnado de 2º ESO e FP Básica durante boa parte da mañá, tratando temas tan importantes como o acoso escolar e os riscos nas redes sociais.

Proximamente teremos tamén unha charla informativa para as familias.
 

PROBA PARA A OBTENCIÓN DO TÍTULO DE BACHARELATO.

No DOG do xoves 9 de febreiro publicouse a Resolución pola que se convoca a proba para a obtención do título de bacharel para maiores de 20 anos.

Condicións das persoas aspirantes:
  • Ser maior de 20 anos ou cumprir esa idade no ano 2017.
  • Non estar en posesión do título de bacharel ou de calquera outro título declarado equivalente para os efectos académicos.
  • Non estar a cursar ensinanzas de bacharelato en ningunha das súas modalidades ou réximes, nin ter estado matriculado nesas ensinanzas no curso escolar 2016/17.
As persoas aspirantes poderán matricularse dos dous exercicios que integran a proba ou dun deles.

Prazo de presentación de solicitudes será entre o 24 de febreiro e o 10 de marzo de 2017.

Para máis información, consultar o DOG no seguinte enlace:

PROBAS PARA A OBTENCIÓN DO TÍTULO DA ESO.

No DOG do pasado xoves 9 de febreiro, ven de publicarse a Resolución pola que se convocan as probas para a obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria para maiores de 18 anos.
Requisitos:
  • Ter feitos os 18 anos ou cumprilos o día anterior á data de realización da proba.
  • Non estaren en posesión deste título.
  • Non estaren nin teren estado matriculadas no curso 2016/17 nas ensinanzas de educación secundaria ordinaria nin nas de formación profesional básica.
Prazos de matrícula:
  • Convocatoria de xuño: do 13 ao 24 de marzo de 2017, ambos os dous incluídos.
  • Convocatoria de setembro: do 3 ao 10 de xullo de 2017, ambos os dous incluídos.
As persoas matriculadas para a primeira convocatoria, se non superan a totalidade dos ámbitos da proba, consideraranse matriculadas para a segunda convocatoria sen que teñan que presentar nova documentación.
 
Para máis información, consultar o DOG no seguinte enlace:
 

jueves, 2 de febrero de 2017

ACTIVIDADES DENTRO DO PROGRAMA A PONTE.

Dentro do Programa "A Ponte entre o ensino medio e a universidade", o pasado 23 de xaneiro tivemos no centro á profesora da Facultade de Veterinaria, Izaskun Ibarguren, que informou aos nosos alumnos e alumnas sobre a Universidade de Santiago de Compostela, sobre os estudos que alí se imparten e sobre as novidades nas probas de acceso.

Así mesmo, hoxe tivemos ao profesor da USC, Luis García Soto, da Facultade de Filosofía, que veu impartir unha charla temática que tivo por título: "Ética e sexualidade"; foi impartida para o noso alumnado de 1º e 2º de Bacharelato.


Aínda teremos outra charla para o próximo mes de marzo. E o martes iremos ao percorrido polos campus da USC.
O obxectivo de todas estas actividades é orientar ao futuro estudante universitario para que poidan elixir os estudos que máis se adapten ás súas preferencias.

CONCIENCIACIÓN PARA A PREVENCIÓN DO ACOSO ESCOLAR

No noso centro temos un lema: "Tolerancia cero ante a violencia". Neste sentido, xa se leva traballado dende fai varios a través do programa TEI (Titoría Entre Iguais), onde o alumnado de 3º da ESO titoriza aos pequenos e pequenas que se incorporan ao centro en 1º da ESO para facer a integración máis fácil para todos.
O equipo de convivencia do centro decidimos contar cun grupo de psicólogos e psicólogas que desenvolveron unha aplicación para o móbil dedicada a loitar contra o acoso escolar: a aplicación Koko, que é unha plataforma online que sirve de detector de conflictos escolares, para poder traballar tamén co alumnado de 2º e 4º da ESO e de FP Básica.

Onte tivemos no noso IES a dúas psicólogas, Paula e Rebeca, que viñeron a facer a concienciación co alumnado destes grupos para a prevención do acoso escolar. 
Trátase dun canal de comunicación para o uso en centros escolares, a través do cal os alumnos poden revelar os seus conflitos de forma anónima, ou se o prefiren, identificándose, puidendo así extraer datos en tempo real e axudar na toma de decisións.



 
 Dentro de dúas semanas virán tamén a proxectar unha película sobre esta temática e debatir logo sobre ela.

Pronto os nosos alumnos e alumnas poderán empezar a utilizar esta aplicación co obxectivo de mellorar a convivencia entre os nosos adolescentes.
 

Grazas a Paula e a Rebeca!!

30 DE XANEIRO, DÍA DA PAZ.


Esta semana celebramos o "Día escolar da non violencia e da paz" no noso centro.
Propuxéronse varias actividades.
  • Creouse o Libro da Paz do IES, onde todos os membros da comunidade educativa puideron facer as súas achegas en forma de reflexións, citas, debuxos, palabras, imaxes, etc.
  • Elaborouse un pequeno mural onde se expuseron fotos sobre personaxes que recibiron o Premio Nobel da Paz, e pediuse ao alumnado que investigaran sobre estas persoas ou calquera outra que fixera algunha achega á convivencia e a paz, aínda que non recibira ningún premio.
  • Tamén se propuxo unha votación: os alumnos e alumnas, de xeito voluntario, estiveron nominando ao longo da semana a aqueles compañeiros ou compañeiras que destaquen polo seu talante respectuoso e tolerante. A semana próxima saberemos quenes son os nominados e o gañador ou gañadora, que recibirá un diploma acreditativo.


GRAZAS A TODOS POR PARTICIPAR!!