viernes, 19 de febrero de 2016

DISPOSICIÓNS LEGAIS EN MATERIA DE IGUALDADE

Moitas son as disposicións legais que están vixentes actualmente aínda que as leis orgánicas que as promoveron están xa derrogadas.
En materia de igualdade, a Xunta, a través de diferentes Consellerías, foi publicando unha serie de disposicións que regulan a loita contra a discriminación sexual e promoven a igualdade entre homes e mulleres en todos os ámbitos da vida.
A Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza elaborou un texto refundido coas leis que teñen como obxecto directo a regulación en materia de igualdade.
No DOG do 17 de febreiro de 2016 acaba de publicarse o Decreto lexislativo polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.
Aquí vos deixo o enlace a este documento:

http://www.xunta.es/dog/Publicados/2016/20160217/AnuncioG0244-110216-0005_gl.pdf

Especialmente importante para os centros educativos é o Capítulo IV do Título I: "A educación e a formación para a igualdade entre mulleres e homes", que inclúe os seguintes artigos:

- Artigo 17: O currículo regulador do Sistema Educativo.
- Artigo 18: Erradicación de prexuízos nos centros docentes.
- Artigo 19: Integración da igualdade na formación profesional.
- Artigo 20: As cuestións de xénero no eido da educación superior.
- Artigo 21: Formación en igualdade de oportunidades.

martes, 16 de febrero de 2016

CONVOCADAS PROBAS DE CARNÉS E HABILITACIÓNS PROFESIONAIS.

Mediante a Orde do 1 de febreiro de 2016 (DOG 11 de febreiro), a Consellería de Educación acaba de convocar as probas anuais para a obtención  de determinados carnés profesionais e habilitacións profesionais. 
Adxunto enlaces á orde de convocatoria e ao tríptico informativo:


CHARLA DE PEDRO REY

O profesor da Facultade de Económicas da USC, Pedro Rey, acudiu onte ao noso centro para dar unha charla ao alumnado de 2º BAC, dentro do programa A Ponte.
A ponencia foi clara, completa e axustada ao tempo que tiñamos, un período lectivo de 50 minutos. Nela explicoulles todo o relacionado coas probas de acceso á universidade, os estudos de grao segundo o Plan Bolonia, os sistemas de becas e axudas ao estudo, os intercambios nacionais e internacionais para estudantes universitarios, os colexios maiores e as residencias universitarias, e sobre todo animounos moito comentando a alta porcentaxe de alumnado que todos os anos superan as probas de acceso á universidade. 
Non foi posible contar esta vez coa presenza dun antigo alumno ou alumna, actual estudante universitario na USC.
Desde aquí dámoslle as grazas a este profesor da USC por dedicarnos este rato do seu tempo e tamén moitas grazas ao alumnado pola súa atención e moitos ánimos a todos eles de cara a estes axetreados meses.

jueves, 11 de febrero de 2016

CONVOCADAS AS PROBAS DE ACCESO A GRAO MEDIO E A GRAO SUPERIOR.

A Consellería de Educación acaba de publicar no DOG de hoxe, 11 de febreiro de 2016, a convocatoria para as probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio e de grao superior.
Este é o enlace para acceder á orde:


E este é o enlace para acceder ao calendario:


Este ano hai novas respecto aos requisitos de acceso; segundo dispón a LOMCE, accédese directamente de grao medio a grao superior, e de FP Básica a grao medio. Só terían que facer estas probas as persoas que non reúnen os requisitos académicos para acceder a estes estudos e que cumpran os requisitos de idade:
- Para grao medio hai que ter 17 anos ou cumprilos ao longo do ano 2016.
- Para grao superior hai que ter 19 anos ou cumprilos ao longo do ano 2016.

jueves, 4 de febrero de 2016

PROGRAMA A PONTE

Dentro das actividades que a Universidade de Santiago de Compostela propón para promocionar os seus estudos, está o percorrido polos campus, tanto de Santiago como de Lugo.
Onte 3 de febreiro acudimos a Santiago os alumnos e alumnas de 2º BAC acompañados pola titora e por min, a orientadora.
Foi unha experiencia gratificante e os mozos e mozas desfrutaron do ambiente universitario e aclararon dúbidas nas distintas facultades e escolas ás que acudiron. Ademais o tempo acompañounos e tivemos un día soleado estupendo para ir paseando polas rúas de facultade en facultade.
Sentímonos moi ben acollidos e informados por todo o profesorado da Universidade e desde aquí dámoslles as grazas.
Tamén queremos agradecer ao alumnado o seu excelente comportamento e educación ao longo de toda a xornada.

Remataremos a participación do noso centro no programa "A Ponte", cunha charla que virá a dar a este grupo de alumnos un profesor da Universidade o vindeiro luns 15 de febreiro. Posiblemente veña acompañado dun antigo alumno ou alumna deste centro que agora é estudante universitario en Compostela.