domingo, 6 de diciembre de 2015

Benvidos a orientAcción

Comezo hoxe un percorrido polo mundo das novas tecnoloxías e non se me ocorre outra forma que facelo a través do meu traballo, a orientación educativa. Hai moitos blogs sobre orientación, grandes profesionais que levan tempo traballando a través das redes e ofertando moitísimos recursos, actuacións, actividades, enlaces, que nos fan máis doada a nosa profesión. 

O meu interese ao crear este blog non é outro que ter un lugar de recollida do meu traballo como orientadora a través dos distintos centros nos que traballo e traballarei, para así poder ser un punto de encontro e de reflexión da comunidade educativa destes centros. Nel pretendo ir aportando, tamén, o meu graniño de area sobre os tres grandes ámbitos da orientación educativa: o apoio ao proceso de ensino-aprendizaxe, a acción titorial e a orientación académica e profesional. 

Despois de varios anos de traballo, como moitos dos meus compañeiros e compañeiras de profesión, teño realizado moitísmo material que pretendo tamén compartir con todos aqueles e aquelas que queirades e o consideredes interesante. Igualmente pretendo compartir enlaces de interese sobre todos estes temas.

Sei que manter un blog e telo actualizado é un traballo arduo e complicado; espero, pouco a pouco, ir acadando o meu obxectivo.

Por último, quería facer unha alusión á miña decisión de facer este blog en galego. Todos os profesionais da orientación educativa en Galicia sabemos o difícil que é atopar material neste idioma; moi complicado, por exemplo, atopar material de atención á diversidade, como adaptacións curriculares ou caderniños de recuperación, recursos didácticos máis aló de libros de texto ou de lectura, guías didácticas, etc. 

Este curso estou traballando como orientadora no IES de Curtis, centro educativo onde hai escolarizados alumnos e alumnas de diferentes etapas educativas: Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato e Ciclos Formativos (FP Básica e FP de Grao Medio). E é aquí onde vou empezar a poñer en marcha este blog, empezando por contarvos como celebramos o "Día contra a violencia de xénero".

Ata pronto.
María.


PD: Google  informa de que as leis da Unión Europea obríganme a avisarvos de que este blog usa cookies de Blogger e de Google para que todo funcione con normalidade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario