martes, 3 de mayo de 2016

INTERCAMBIO CO CLUB DE LECTURA DO IES ENRIQUE MURUAIS



Despois de moito traballo e coordinación, as profesoras do Club de Lectura conseguimos organizar o intercambio co Club de Lectura do IES Enrique Muruais de A Pontenova.


 Onte por fin viñeron un grupo de alumnos e profesoras deste IES a pasar o día con nós.
Empezamos a xornada cun recibimento por parte do director; dúas alumnas veteranas do club, de 1º de Bacharelato, tamén fixeron unha pequena intervención, relatando a historia do club, que xa conta con 8 anos de andadura.


Logo fixemos dous grupos, porque eramos moitos para movernos todos xuntos. Un grupo quedou na biblioteca facendo intercambios e recomendacións lectoras, e o outro pasou a visitar as instalacións de Electromecánica de Vehículos, ciclo que se imparte no IES, e que representa outro xeito de aprender.



Na biblioteca os alumnos e alumnas dos dous IES fixeron unha primeira toma de contacto, aínda que algúns deles xa contactaran a través das redes sociais e o correo electrónico.
Tamén se agasallaron uns aos outros cun pequeno recordo en forma de libriño ou de ficha coas recomendacións lectoras.

 Xa que a maioría dos alumnos e alumnas eran de 1º e 2º da ESO, o alumnado de 3º do noso IES realizou funcións de guías, favorecendo e fomentando as intervencións.  



Sobre as 13:00 horas, desprazámonos á vila de Betanzos, onde fixemos un percorrido pola zona antiga. María, profesora de Lingua Castelá e coordinadora do Club, contounos algunhas curiosidades respecto a esta vila segundo iamos paseando polas rúas e logo pola beira do río Mendo. 
Así chegamos ao parque temático do "Pasatiempo", onde rematamos a xornada paseando, almorzando e visitando as covas.



Foi aquí onde o alumnado de ambos centros tivo unha maior oportunidade de interaccionar e coñecerse, a través do deporte, as afeccións comúns, os animais, etc.
Pasamos unha xornada estupenda, acompañados dun clima case veraniego.
Agora, os nosos alumnos e alumnas esperan con inquietude a visita que lles devolveremos acudindo nós a A Pontenova para gozar doutra xornada chea de ilusión, ledicia e ganas de compartir e aprender.
Moitas grazas a todos, ao alumnado dos dous IES polo seu comportamento e actitude, e ás profesoras de ambos centros pola boa xestión e organización da actividade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario