miércoles, 9 de marzo de 2016

8 DE MARZO, DÍA INTERNACIONAL DA MULLER.


Onte, 8 de marzo, celebramos no noso IES o Día Internacional da Muller. A directora e a psicóloga do CIM de Curtis (Centro de Información á Muller), Isabel e Claudia, acudiron a realizar dous obradoiros cos nosos alumnos e alumnas de 1º e 2º da ESO. A actividade foi moi interactiva e centrouse nos estereotipos e no tratamento da muller na publicidade. 

O obxectivo desta actividade non foi outro que reflexionar sobre ideas preconcibidas, que moitas veces admitimos como verdadeiras sen pararnos a pensar se son xustas e respectuosas con todos e todas as mulleres e homes. 

A TVG acudiu a grabar un dos obradoiros para tratar esta temática no seu programa "A revista".
Cando teñamos o vídeo ou o enlace para velo, estará neste blog a disposición de toda a comunidade educativa.

Déixovos o enlace dos Centros de Información á Muller que existen en Galicia, onde se pode ver en que ámbitos traballan os profesionais asociados a eles.


Outra actividade que propuxemos desde o Departamento de Orientación para celebrar este día, foi a realización dunha entrevista por parte do alumnado a unha muller da súa contorna maior de 70 anos. Poden ser en formato papel, audio ou audio-visual.

Pretendemos con ela, recoller a memoria viva das mulleres que viviron de primeira man todos os cambios que se produciron ao longo do século XX en Galicia.

A actividade promocionouse a través das titorías, da biblioteca e do Equipo de Dinamización Lingüística. O prazo para recoller os traballos é a semana seguinte a Semana Santa, para darlles tempo aos nosos alumnos e alumnas, que agora están con exames, a realizar a actividade, se lles apetece.

Os traballos recollidos quedarán expostos no centro e tamén neste blog, coas reflexións oportunas, para toda a comunidade educativa.

Aquí quedan unhas imaxes dos obradoiros:









No hay comentarios:

Publicar un comentario